Breogán de Bergantiños e as migracións a Irlanda: Mitoloxía compartida no Lebor Gabala Erenn (Libro das Conquistas do Eire)

Arquivado en: 3. Galicia, un país do Mar Atlántico — celticidade at 11:26 pm on Luns, Xullo 23, 2007

Moitos anos antes dos achádegos científicos do Trinity College de Dublín xa existía tanto en Irlanda como en Galicia unha crenza que conta que os irlandeses, a povoación indíxena de Irlanda, chegaron outrora a esta illa desde a viciña beira do mar onde se encontra o Farum Brigantium ou Torre de Breogán de Brigantia. Esta torre do noso Breogán de Bergantiños identifícase tradicionalmente co famoso faro coruñés, na entrada da ría de Betanzos, que foi rebautizado por Ramón Méndez Pidal a comezos do século XX co nome grego de Torre de Hércules. Como tantos outros contos de mitoloxía das culturas humanas, esta lenda podería ben ter orixinado a partir de personaxes ou de feitos históricos reais, porque como din os nosos vellos, onde hai fume houbo lume. O único que sabemos certamente, o ponto indiscutible de partida, é que estamos a falar dun curioso caso internacional de mitoloxía compartida, que é algo que xa ten o seu aquel. Grecia ten a Zeus; Roma ten a Rómulo e Remo; Irlanda e Galicia ten a Breogán.

O Lebor Gabala Erenn ou "Libro das Conquistas do Eire" é a primeira historia escrita de Irlanda, compilada por monxes irlandeses cara o século XI, que abrangue o periodo desde a creación do mundo até a Idade Media. O Lebor Gabala descrebe os cinco povos míticos que invadiron Irlanda: os Partholon, os Nemed, os Fir Bolg, os Túatha Dé Dánann, e os "Fillos de Milesius". Todos os invasores, agás os fillos de Milesius, tiveron que escapar de Irlanda por mor de conflitos cos mouros, os primeiros habitantes do Eire. Os mouros galegos e os fomoiré irlandeses son uns seres mitolóxicos, demos e xigantes, que viven desde sempre baixo da terra que habitamos. Foi grazas a un pacto de convivencia cos mouros que os "fillos de Milesius", os Gaels, conseguiron permanecer para sempre en Irlanda.

Segundo o Lebor Gabala, Breogán, fillo de Brath, o rei dos Milesius, construíu unha torre alta á beira do mar da cidade de Brigantia, o antigo nome da vila de Betanzos. A lenda galega conta que foi desde o alto desta torre que Ith, o fillo de Breogán, creu ver nun serán de inverno unha terra lonxana ao norte e que logo axuntou unha expedición para ir explorala. Ith morreu nesa primeira expedición, mais o seu sobriño, Mil, organizou unha segunda expedición, que foi a que conqueriu definitivamente a illa do Eire.

Chegados e asentados definitivamente en Irlanda aqueles desdendentes de Milesius, o Lebor Gabala pasa a relatar o seu povoamento, ordenación do territorio e o establecimento do governo e da lei. O Lebor conta que unha das ordenadoras do territorio en Irlanda foi Tailtiu, filla de Mar Mor, rei de Hispania, e nai adoptiva de Lug (a mesma divinidade que deu nome á nosa cidade de Lugo). Ao morrer Tailtiu, seu fillo Lug instituiu a festa do lume do Lughnasad, o nome irlandés para as mesmas festas do lume que aínda celebramos hoxe en Galicia polo solsticio de San Xoán. Outra referencia máis ao noso ilustre bergantiñán volve a aparecer máis adiante no Lebor Gabala cando se explica a orixe de Eire, o nome gaélico da illa de Irlanda:

.. E encontráronse con Eriu en Uisnech. Ela díxolles: "Sede benvidos, guerreiros. Fai moito tempo que as profecias prediceran a vosa chegada. Esta será a vosa illa para sempre dos tempos. Ao leste do mundo non hai illa mellor. Nengunha raza será máis numerosa que a vosa"… "facédeme un favor, fillos de Milesius e descendentes de Breogán", dixo ela, "que o meu nome lle sexa dado a esta illa".
- Lebor Gabala Erenn, O Libro das Invasións do Eire, século XI.

E así, oito séculos depois do Lebor Gabala irlandés, lembrouse na beira galega do mar Atlántico que:

"Pois onde quer, xigante,
a nosa voz pregoa
a redenzón da boa
nazón de Breogán"

- Eduardo Pondal. Queixumes dos Pinos, 1886, Hino nacional de Galicia.

Chuzame! chuzame -

Non hai comentarios

Ainda non hai comentarios.

Fonte RSS para os comentarios desta anotación. TrackBack URI

Sintoo, este formulario de comentarios está pechado nestes intres.